Adaptación domiciliaria
O perfil profesional que se encarga de realizar a valoración domiciliaria é a terapeuta ocupacional, quen se despraza ata o domicilio da persoa para realizar unha valoración global que inclúe:
- Valoración completa das diferentes estancias da casa e do acceso ao domicilio.
- Valoración do estado físico e sensorial da persoa.
- Valoración de rutinas e intereses da persoa na realización de tarefas dentro do seu fogar.
Despois desta visita, a terapeuta ocupacional redactará un informe no que detallará as recomendacións técnicas para a correcta adaptación do fogar:
- Modificacións a realizar dentro do domicilio: Adaptación arquitectónica se fose preciso, distribución do mobiliario, elementos perigosos a retirar e elementos de seguridade a colocar.
- Adquisición de produtos de apoio que faciliten a autonomía da persoa na realización das AVD, tanto básicas como instrumentais.
Como acceder ao servizo?
O servizo de adaptación domiciliaria está dispoñible para calquer persoa que o solicite, sen necesidade de asociarse, sendo necesario concertar unha cita, ben presencialmente na sede da asociación ou ben contactando con nós vía telefónica ou vía correo electrónico.