Psicoloxía
Grupo de apoio familiar
O grupo de apoio está dirixido a familiares das persoas usuarias e/ou ás persoas non familiares que se encargan do seu coidado. Trátase dunha terapia grupal onde as persoas participantes comparten as súas experiencias, aprenden a xestionar as súas emocións e a afrontar dunha mellor maneira o proceso do coidado.
Intervención psicoterapéutica
Este programa céntrase no benestar emocional e o tratamento de diversas psicopatoloxías, adaptándose ás necesidades específicas e únicas de cada persoa. Dende unha intervención eminentemente individual, está deseñado para que as persoas dispoñan dun espazo seguro e confidencial onde explorar as súas emocións, comportamentos e pensamentos co apoio dun profesional capacitado. Despois da valoración completa e dunha análise funcional da conduta, apoiámonos en técnicas de psicoterapia validadas, enfocándonos en aliviar o sufrimento das persoas e mellorar a calidade de vida.
Estimulación Cognitiva
Este é un programa interdisciplinario, levado a cabo por varios profesionais técnicos da Xanela: Psicoloxía, Terapia Ocupacional e Educación Social.
Os principais obxectivos do mesmo son:
- Estimular e manter as diferentes capacidades cognitivas (memoria de traballo, memoria a curto e longo prazo, atención, cálculo, percepción, razoamento, funcións executivas, etc).
- Mellorar a autoestima e a motivación.
- Potenciar a independencia e mellorar o desempeño nas AVD.
- Mellorar a calidade de vida.
Está dirixido a persoas que presentan algún tipo de deterioro a nivel cognitivo (ben derivado dunha demencia, dun dano cerebral ou do avance propio da idade) e tamén a aquelas que queren realizar actividades preventivas, dispoñendo de dúas modalidades de intervención:
- Estimulación cognitiva individual.
- Obradoiro de memoria.
As intervencións axústanse sempre ás necesidades específicas de estimulación de cada persoa, as cales son previamente obxectivadas a través dunha valoración individual inicial e, despois, dunha valoración de seguemento semestral na que se poden detectar posibles novas necesidades.











